Míriam Nogueras
Míriam Nogueras i Camero, nada en Dosrius o 11 de maio de 1980, é unha empresaria e política catalá, deputada no Congreso dos Deputados nas lexislaturas españolas XI, XII, XIII e XIV.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]É a maior de tres irmáns, filla dunha familia propietaria dunha pequena fábrica téxtil. Criouse en Dosrius, no Maresme. Estudou nun colexio laico de Llinars del Vallès, onde se afeccionou ao fútbol.
Matrículouse en Comunicación Audiovisual mais abandonou porque non lle gustaba. Encadeou varios traballos menores, ata que durante a década de 2010 se converteu en emprendedora, organizando unha empresa de comercio e tecnoloxía.[1]
É copropietaria dunha empresa do sector téxtil especializada na fiación, sector no que a familia leva anos. Codirixiu dúas empresas de novas tecnoloxías. Tamén é membro do Cercle Català de Negocis, da Xunta Directiva de ASEGEMA e de MODACC (Clúster Tèxtil Moda Catalunya). Comezou a súa carreira política como parte da plataforma "No vull pagar", contra as peaxes do Maresme,[2] e como membro do Cercle Català de Negocis.[1]
Nas eleccións municipais de 2015 foi elixida concelleira do concello de Cardedeu, onde reside, como independente nas listas de Convergència Democràtica de Catalunya. Fichada por Jordi Turull,[1] foi elixida posteriormente como deputada independente do Congreso dos Deputados na XI lexislatura na lista de Democràcia i Llibertat[3] nas eleccións xerais españolas de 2015, con Francesc Homs como cabeza de lista. Repetiría como deputada da XII lexislatura[4] nas eleccións xerais españolas de 2016 na lista de Convergència Democràtica de Catalunya. Antes de ser elixida deputada, participou en tertulias en BTV (La Rambla) e La Sexta.
En 2018 foi elixida cabeza de lista para as eleccións municipais españolas de 2019 por Mataró. Nese mesmo ano foi elixida vicepresidenta do Partido Demócrata durante a primeira asemblea nacional da formación, e candidata da coalición Junts per Catalunya ao Congreso dos Deputados nas dúas eleccións de 2019. En 2020 renunciou ao seu cargo de vicepresidenta do Partido Demócrata, pasando a Junts per Catalunya.[5]
En 2023 foi a candidata de Junts per Catalunya por Barcelona nas eleccións xerais españolas de 2023.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]No eido privado, está casada cun piloto de helicóptero de emerxencias e teñen dous fillos.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Hinojosa, Sílvia (2023-07-18). Grupo Godó, ed. "Míriam Nogueras, la guardiana del llegat de Puigdemont". La Vanguardia (en castelán). Consultado o 2023-07-19.
- ↑ Míriam Nogueras Arquivado 2016-06-02 en Wayback Machine. al web de Democràcia i Llibertat
- ↑ "Ficha de Diputado de Míriam Nogueras i Camero Legislatura XI" (en castelán). Consultado o 09/06/2018.
- ↑ "Ficha de Diputado de Míriam Nogueras i Camero Legislatura XII" (en castelán). Consultado o 09/06/2018.
- ↑ El Triangle, ed. (31 de xullo de 2020). "Míriam Nogueras deixa la vicepresidència del PDeCat". Consultado o 14 de xullo de 2022.